Thursday 18 de April de 2024

Finalizada a remodelación da Avenida Marqués de Figueroa


O Concello de San Sadurniño acaba de recepcionar as obras, contratadas en 203.690 €

A firma Prace Servicios y Obras S.A. deu por concluídas hai escasos días as obras da segunda fase da reurbanización de toda a Avenida Marqués de Figueroa, principal eixo do centro urbano de San Sadurniño. Os traballos iniciados o ano pasado consistiron na renovación das beirarrúas, na plantación de arborado e no aglomerado de toda a vía, ademais do adecentamento do entorno da capela do Belén. O proxecto, contratado en algo máis de 203.000 euros, acaba de ser recepcionado polo Concello, quen tamén aproveitou os traballos para mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil en todo o traxecto.

A transformación da avenida comezou no mes de outubro por medio dun contrato centrado no cambio das beirarrúas desde o CPI até a confluencia coa estrada de Ortigueira. Na obra -que logo estivo rematada- investíronse algo máis de 45.000 euros do POS+ Adicional de 2017 aos que, posteriormente, se lle engadiron outros 203.690 do POS+ de 2018 para financiar a reparación do firme e a continuación das beirarrúas desde o centro de ensino até a conexión coas vías provinciais que levan a Santa Mariña e a Lamas.

Os traballos serviron tamén para ordenar a circulación nos arredores da capela do Belén, onde conflúen a pista que vén do Enxerto e a dos Currás, especialmente as incorporacións e saídas desta última. Alí delimitouse o tráfico, pero tamén se creou un novo espazo de descanso dotado de prazas de aparcamento, unha billa con auga potable e varios bancos.

Desde este punto do Campo da Feira e ata o cruzamento coa AC-862, botouse unha nova capa de microaglomerado asfáltico con pasos de cebra sobreelevados que fan as veces de redutores de velocidade. “Con esta solución os coches teñen que ir máis amodo e cando se vai conducindo vese mellor se alguén ten intención de cruzar. Ademais, ao ir á mesma altura que as beirarrúas non fai falla construír rebaixes para facelas accesibles a persoas con mobilidade reducida”, explica Secundino García.

O novo firme deulle un aspecto distinto a todo o percorrido da avenida. Porén, os cambios non quedaron aí, posto que o proxecto incluiu a plantación de 45 árbores e a instalación de paneis de madeira que protexen -e ocultan- os colectores do lixo.

Tal e como se informa desde o Goberno local, a finalidade da obra que acaba de finalizar é “mellorar a seguridade no principal eixo de poboación do concello”, xunto coa “renovación do aspecto xeral do centro urbano”.

Segundo recorda Secundino García, a remodelación de Marqués de Figueroa irá acompañada en breve coa apertura dunha nova rúa entre o pavillón municipal e o Centro de Saúde. Cóntase que as obras rematen ao longo deste mes de maio. Con elas “completarase a transformación da trama urbana de San Sadurniño, despois de ter executado en 2017 o aglomerado e as beirarrúas da pista do Enxerto”. A este respecto, García tamén menciona o proxecto previsto no POS+ 2019 para amañar a pista que vai da Agra de Abaixo ata a estrada de Pedroso, en Vilafiúnce. Alí tamén se utilizará aglomerado, de maneira que as principais vías de titulariedade municipal do entorno urbano quedarán arranxadas con este tipo de firme.